miércoles, 10 de junio de 2015

Convocatoria Asamblea xeral ordinaria para o día 25 de xuño

Por acordo da Xunta Directiva da Unión Deportiva Ourense convócase para o dia 25 de xuño de 2015, ás 20,00 horas en primeira convocatoria e 20,30 horas en segunda na Casa de Chocolate (Avda. da Habana, 79), Asemblea Xeral Ordinaria de socios co seguinte


ORDE DO DÍA
 

1.- Cambio de enderezo social

2.- Ratificación, se procede, de Ramón Dacosta como membro da Xunta directiva

3.- Memoria deportiva da tempada 2014-15

4.- Aprobación, si procede, da liquidación do presuposto da tempada 2014-15

5.- Proposta deportiva para a tempada 2015-16

6.- Aprobación, se procede, das cotas de socios e abonados para a tempada 2015-16

7.- Aprobación, se procede, do presuposto para a tempada 2015-16

8.- Rolda libre de intervencións


Lembrar que os socios poden enviar propostas para ser debatidas e sometidas a votación na Asemblea. Ditas propostas deberán presentarse como mínimo  con cinco días naturais de antelación á celebración da Asemblea e serán enviadas ao correo electrónico uniondeportivaourense@gmail.com.

Así mesmo lembrar que poden acudir a Asemblea con voz e voto os socios maiores de 16 anos que estén ao corrente de pago da couta social, debendo presentar o Documento Nacional de Identidade (DNI) para poder acceder á mesma. Por último recordar que un socio pode representar a outro presentando escrito de autorización e copia do DNI do representado.

martes, 2 de junio de 2015

Elixe ao xogador do mes de maio

 

Coa tempada rematada toca escoller ao mellor xogador do mes de maio. Un mes moi intenso no que se completou a xesta de gañar todos os partidos de liga coas vitorias en Palmés (0-5) e no Couto ante o Loureiro (8-1), no que se gañou a Supercopa coa vitoria sobre o Raio Alaricano (3-0) e no que se quedou ás portas da final da Copa Deputación B ao caer nos penaltis ante o At. Arnoia. En total foron cinco partidos moi importantes na historia da Unión Deportiva Ourense.

A nosa proposta é a seguinte:

DIEGO SOTO: O mediocentro volveu a dar leccións de como levar o control dos partidos, sendo (unha vez máis) o referente do equipo na zona ancha. Diego Soto xogou os cinco partidos completos e marcou un gol ante o Loureiro.

JULIO ÁLVAREZ: O lateral dereito mantivo no mes de maio o seu gran estado de forma no mes de maio, sendo un baluarte na defensa unionista. Julio Álvarez disputou os cinco partidos, conseguindo anotar un gol (o seu primeiro tanto da tempada) ante o Raio Alaricano ao transformar un penalti.

JULIO SALGADO: O dianteiro estivo presente nos cinco partidos deste mes. O seu rexistro goleador en maio foi de dous goles, ambos importantes. Abriu o marcador ante o Raio Alaricano na final da Supercopa e tamén anotou o gol que igualaba a eliminatoria ante o At. Arnoia, este último de penalti.

RAMÓN DACOSTA: O central disputou catro dos cinco partidos, perdéndose a ida da Copa Deputación en Arnoia. Como sempre todo un seguro na defensa ourensanista dando seguridade e consistencia ao equipo dende atrás.

ROBERTO ALMEIDA: Gran mes do xogador ourensanista. Disputou os cinco partidos completos, tendo que xogar algúns deles como mediocentro debido ás baixas padecidas polo equipo. Marcou dous goles, ante o Palmés e ante o Loureiro.

viernes, 22 de mayo de 2015

A remontar ante o At. Arnoia: xuntos podemos


Entre todos a pola remontada
O sábado dende as 19,00 horas a Unión Deportiva Ourense afronta, quizáis, o partido máis importante da súa curta historia. Terá ante si a difícil misión de remontar o 1-0 encaixado na ida en Arnoia para lograr unha histórica clasificación para a final da Copa Deputación B. O que sería todo un éxito tratándose dun equipo de inferior categoría con respecto a todos os rivais que tivo ata o de agora.

Aínda que o gran obxectivo da tempada, o ascenso a 2ª Autonómica, xa está no peto, disputar a final da Copa Deputación no campo do Couto (a nosa casa) na primeira tempada da nosa historia e un reto moi bonito que todos os ourensanistas queremos acadar.

Non será fácil. O Atlético Arnoia, vixente campión do torneo, demostrou na ida que é un equipo forte, compacto e moi difícil de superar. Na Queixeira lograron unha vitoria por 1-0 que agora haberá que remontar no Couto, onde o apoio dos seareiros ourensanistas será vital para logralo.

viernes, 15 de mayo de 2015

O sábado a Supercopa contra o Raio Alaricano


A Unión Deportiva Ourense ten a posibilidade de conquistar o seu segundo título da tempada. Disputará a Supercopa de 3ª Autonómica contra o campión do grupo 12, o Raio Alaricano. Será a primeira vez que se dispute este trofeo, auspiciado pola Delegación en Ourense da Federación Galega de Fútbol, e enfrontará a dous novatos no fútbol provincial, xa que ambos debutaron (con absoluto éxito) nesta tempada.

Os alaricanos foron claros campións do grupo 12 con seis puntos de vantaxe sobre o Carballeira, que xunto ao Vilardebós acompañarán aos alaricanos á 2ª Autonómica. De 20 partidos tan só cederon dous empates e dúas derrotas, o resto vitorias. Na Copa da Limia, disputada despois de finalizada a liga, caeron en semifinais ante o Allariz B na tanda de penaltis. Trátase dun moi bo equipo que virá ao Couto con moita ilusión de levarse a copa para Allariz.

Á falta do adestramento do venres Antonio Dacosta ten varias baixas no equipo. Xaco (mancado no partido ante o Loureiro), Adolfo con molestias e Fabio por motivos persoais non estará na final. Hoxe comprobarase o estado dos demais xogadores para facer a convocatoria. O once máis probable sería o formado por Héctor na porta; Julio Álvarez, Xurxo, Ramón Dacosta e Lucas Nieta na defensa; Valderas e Diego Soto na medular e Chechu, Roberto Dacosta, Roberto Almeida e Julio Salgado na vangarda.

sábado, 9 de mayo de 2015

A polo pleno ante o Loureiro

Na primeira volta vitoria por 0-9

A Unión Deportiva Ourense está a un paso de facer historia. Primeiro foi o ascenso, despois o campionato e agora pode chegar o pleno: gañar os 28 partidos da Liga. O derradeiro obstáculo é o C.F. Loureiro. O domingo dende as 17,00 horas todos os ourensanistas temos unha cita coa historia.

Conseguir o pleno de triunfos sería a mellor homenaxe que se lle podería facer a Club Deportivo Ourense. Os bermellos xa lograron un pleno histórico. Foi na tempada 1967-68 cando gañaron os 30 partidos de liga no campionato de 3ª división. Unha xesta que se pode repetir gañando ao Loureiro no Couto. As categorías non son comparables pero en ningunha é doado facer un pleno de vitorias, calquera despiste pode acabar coa racha e hai que manter un nivel moi alto de concentración en tódolos partidos, algo que estos bravos xogadores da Unión Deportiva Ourense están a facer ao longo de todo o campionato.

jueves, 30 de abril de 2015

Dura fin de semana con visitas a At. Arnoia e Palmés

Imaxe da visita do Palmés ao Couto (Foto Carlos Domarco - Galiciadeportiva)

O calendario empínase para a Unión Deportiva Ourense. O que podíamos chamar o noso "Tourmalet" particular iníciase o venres, día 1 de maio, co partido de ida das semifinais da Copa Deputación B que se xogará a partires das 17,15 horas no  campo da Queixeira, ante o Atlético Arnoia; e que rematará o domingo, día 3 de maio, coa visita ao Cruceiro, onde espera o C.D.Palmés dende as 18,00 horas.

Dous compromisos durísimos nos que será necesario, máis que nunca, o apoio dos nosos seareiros. En menos de 48 horas xogarémonos obter un bo resultado na Copa para tentar clasificarnos para a final do Couto e manter as opcións de gañar todos os partidos da liga, emulando a Club Deportivo Ourense.

Comezando polo máis próximo, o partido ante o Atlético Arnoia será de máxima dificultade. Os do Ribeiro marchan cuartos no seu grupo da 2ª Autonómica, aínda que non están na loita polo ascenso debido a que Peroxa, Francelos e Maside escapáronse dende as primeiras xornadas. No seu campo de terra da Queixeira móstranse coma un equipo moi potente, onde tan só perderon tres partidos (Peroxa, Francelos e At. Velle).

miércoles, 29 de abril de 2015

Elixe ao xogador do mes de abril

Adolfo foi o gañador do mes de marzo. Foto Iñaki Osorio (Faro de Vigo)

O mes de abril deixounos cinco partidos. A emocionante eliminatoria copeira ante o Peroxa, líder de 2ª Autonómica, e tres partidos de liga. Na Copa eliminamos ao Peroxa por un global de 4-1, cunha exhibición no Marco (0-4) e a primeira derrota en partido oficial na volta por 0-1. E na liga sumamos tres novas vitorias: 7-0 ante o Cenlle, 1-2 ante o Sp. Carballiño e 2-0 ante o Parada do Sil.

Os xogadores propostos para a votación deste mes son:

CHECHU: Só anotou un gol ante o Cenlle. Pero ante a baixa de Julio Salgado na eliminatoria de Copa erixiuse nun coloso ante o Peroxa, sobre todo na ida. No resto de partidos vaciouse totalmente, deixando mostras dunha entrega e loita sen límites. Ademáis de atacar e incordiar aos defensas rivais tamén se emprega con tesón en labores defensivas.

DIEGO SOTO: O medio volveu a ser o punto de refencia dos seus compañeiros. Movendo o equipo con maestría, levando sempre o partido ao ritmo máis axeitado para o equipo, foi clave no partido de ida da Copa na Peroxa, xogándose sempre como él quixo. É o faro que guía o atractivo e efectivo xogo da Unión Deportiva Ourense.

FRAN ÁLVAREZ: O centrocampista estivo sensacional no partido de ida da Copa na Peroxa. Sendo vital a súa labor no centro do campo. E ante o Sporting Carballiño conseguiu o gol do triunfo no tempo de desconto, o que permitiu cantar o alirón nese partido e seguir coa ilusión do pleno de triunfos. Ademáis de control no medio aporta chegada á área rival.

HÉCTOR: O porteiro menos goleado da categoría disfrutou dun mes fantástico. Nos dous partidos ante o Peroxa estivo moi seguro, transmitindo unha gran tranquilidade ao equipo. E no Carballiño parou un penalti cando o marcador sinalaba empate a cero, o que foi clave na vitoria en Espiñedo. Un xogador que vai a máis.

JULIO ÁLVAREZ: O lateral está en plena forma. Un portento físico que se mantén firme en defensa, onde é casi imposible de superar, e que se suma ao ataque con moito sentido, seu foi o centro que serviu para que Julio Salgado abrira o marcador ante o Parada de Sil. Quizais atravesa o seu mellor momento da tempada.

RAMÓN DACOSTA: Como sempre un seguro na defensa. Na eliminatoria de copa foi dos máis destacados en ambos partidos, controlando aos perigosos atacantes do Peroxa. E en Carballiño a súa saída ao campo na segunda metade, onde xogou como centrocampista, foi clave na vitoria. Os seus pases en longo cara os extremos e os seus lanzamentos de falta acabaron coa resistencia do Sporting.